Wednesday 01 de May de 2024

María Dolores Rosende Piñeiro, a afortunada coa viaxe familiar a Eurodisney da terceira campaña pobrense Raña e gaña


O cheque regalo coa viaxe familiar para catro persoas con destino a Eurodisney xa está nas mans da súa gañadora: María Dolores Rosende Piñeiro, veciña da Pobra. A entrega foi efectuada polo alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra); a concelleira da Promoción Económica, Charo Varela (Nós Pobra); a directora das relacións externas de Congalsa, Isabel Cañas; e as representantes da tenda Sport Maniotas, onde apareceu o rasca premiado, Montse Santiago e Dolores Romero.

Esta viaxe constituía un dos agasallos máis ansiados da terceira edición da campaña Raña e gaña, impulsada para incentiva-las compras nos comercios de proximidade e dinamiza-la economía local na época do Nadal.

A dita iniciativa desenvolveuse un ano máis froito da alianza entre o Concello da Pobra do Caramiñal, o DEAN.shop eCommerce e a Asociación de Empresarios, coa colaboración do tecido empresarial: Congalsa, Jealsa, Grupo Roig e Conservas Ramón Franco.

Un movemento de 656 100 euros, o repartimento de máis de 65 000 tarxetas en 55 establecementos comerciais e de servizos do municipio e a entrega de máis de 600 agasallos por un importe aproximado de 15 000 euros son as cifras que deixou esta campaña no período comprendido do día 3 de decembro ao 5 de xaneiro.